A EXPLOTACIÓN DOS ASALARIADOS É O ÚNICO XEITO QUE TEN O CAPITALISMO PARA SAIR DA CRISE

O AUMENTO DA EXPLOTACIÓN DOS ASALARIADOS É O ÚNICO XEITO QUE TEN O CAPITALISMO PARA SAIR DA CRISE

Carlos Dafonte

Escoito unhas poucas frases do presidente do goberno Rodríguez, no programa de TVE “59 segundos”. Todo son banalidades pero hai unha que fica gravada na miña memoria pois hai máis dun lustro foi tema de debate entre un grupo de militantes que analizábamos o temas das crises periódicas do capitalismo. O presidente dixo “ a saída da crise será socialdemócrata” e engadiu algo parecido a con amparo ós afectados...Levantou os brazos como si fora a voar e esbozou ese sorriso parecido ó de Toni Leblanc nesa película na que practicaba o timo coñecido como o “tocomocho”.

Algo temos avanzado; xa recoñece que atopámonos nunha situación de crise, cando hai trinta días negábao. Posiblemente a afirmación do presidente fora a última contribución do señor Tagoas, asesor económico presidencial, con categoría de Secretario de Estado, antes de iniciar a súa etapa como presidente da patronal SEOPAN, onde agrúpanse unhas decenas de entre as maiores empresas da construción, considero uns dos maiores grupos de presión existentes no Estado. Prepara con Rodríguez a aparición televisiva e despois vai concretar as verbas presidenciais, a saída socialdemócrata, dende o cumio dunha das patronais que máis se teñen enriquecido nestes anos e que destaca pola súa intransixencia cos traballadores e controlar un dos sectores produtivos con maior grao de explotación. ¿A quen quere enganar o presidente con semellante afirmación? ¿Como é posible que un presidente que ten como principal asesor económico a unha persoa que vai presidir unha patronal da construción, poda falarnos de pular unha saída socialdemócrata á crise dende o goberno que preside?. Algún inxenuo pódese preguntar como un asesor presidencial que coñece interioridades, proxectos, futuras decisións, etc., pode marchar a presidir un organismo do sistema oligárquico español. ¿Pode haber alguén que pense que o poder político que representan PSOE, PP e os nacionalistas burgueses, é independente do poder económico?¿Xa esquecemos, o acontecido non hai tantos anos, en que a gran banca pagaba a empresas tapadeiras de determinados partidos, cantidades importantes de cartos por informes inexistentes?

Pero ademais non debemos esquece-lo apoio do PSOE ó tratado de Maastricht, onde se plasmaron as políticas neoliberais e contra os traballadores, que leva adiante a Unión Europea. Tratado onde se admiten como verdades inamovibles, principios ideolóxicos que o son da dereita e onde a tríada PRIVATIZACIÓNS, DESREGULACIÓN E COMPETIVIDADE é a base da globalización que ninguén no PSOE pon en cuestión.

¿Pensa o presidente Rodríguez que xa esquecemos a campaña do referendo para un Tratado Constitucional Europeo, onde PSOE e PP foron da man para darlle rango constitucional ás políticas neoliberais? ¿Ou que eurodiputados do PSOE como Enrique Barón e Manuel Medina apoiaron publicamente a Directiva Bolkestein que consagra o principio de que as leis laborais son as do país de orixe da empresa?. ¿Ou que nunha U.E. onde máis do 60% das decisións económicas se toman en Bruxelas, hai posibilidades dunha “saída socialdemócrata” á crise?

¿Pero que é unha saída socialdemócrata á crise?. Hai decenas de anos, as políticas socialdemócratas eran unha alternativa, reformista, pero alternativa, ás políticas do capital. Por medio de reformas do capitalismo poderíase pasar, pensaban eles, a unha nova sociedade a sociedade socialista, incluída a transformación do estado. Os que en tempos foran socialdemócratas en Europa, e tiveron posibilidades de confronta-las súas políticas coas do neoliberalismo, dende finais dos anos sesenta, buscaron a posibilidade de non enfrontarse directamente coas necesidades do capital e “teorizaron” o que se chamou “terceira vía”, un xeito de renderse ó neoliberalismo pero que parecera que non o facían. Os teóricos da terceira vía acolleron as políticas de Toni Blair en Gran Bretaña o chamado “novo laborismo”, e as falcatruadas do Clinton nos EEUU, como a plasmación práctica dun novo xeito de facer política e de interpretar as necesidades da xente. O balanzo final non pode ser máis desolador; a terceira vía non pasou de ser o tatcherismo con outra faciana e o imperialismo de sempre e dicir, políticas neoliberais contra os traballadores e os pobos.

No estado español non houbo nin intento de enmascarar as políticas neoliberais, aplicáronse e se seguen a aplicar contando co fervor dun poderoso coro de medios informativos, que repite constantemente que se o PSOE foi, e polo tanto é, cuestión discutible, un partido da esquerda, as políticas que implementa tamén o teñen que ser.

Hoxe sería unha saída socialdemócrata, as solucións propostas por Keynes hai moitos anos, partindo de que nas crises o elemento fundamental e a queda da demanda e esta era resultado da queda investidora e do emprego. Fronte o derrubamento do investimento privado debía se-lo estado quen investise cunha política activa de intervención para loitar contra as recesións, aumentando o gasto público.

O problema do déficit solucionábase co aumento da demanda non só polo importe investido, pois ese gasto inicial transformado en salarios e bens, xeraba unha nova demanda, o chamado multiplicador keynesiano, sobre outros sectores.

Ademais o estado sempre aumentaría os ingresos grazas a maior entrada de impostos que xeraba a actividade económica; podíase gravar, tamén, máis ós máis ricos, anulando deste xeito o déficit público inicial.

Se analizamos as medidas tomadas ata o de agora polo goberno para enfrontarse á desaceleración, ou á “desaceleración acelerada” dos últimos días, búscanse todo tipo de eufemismos para non falar de crise, vemos que teñen máis que ver con poñer o estado ó servizo dos grandes emporios económicos, e dar esmolas, o que facía o franquismo, que con políticas socialdemócratas, imposibles de levar adiante nunha Unión Europea neoliberal. Flexibilidade laboral, rebaixa de salarios ós traballadores, non aumentan nin o monto da inflación, polo tanto rebaixa, e rebaixa tamén dos impostos ós máis ricos, privatizacións de servizos públicos, política de fusións, nestas circunstancias os peixes máis grandes cómense ós máis cativos, e toda unha serie de compensacións ós empresarios, serán os alicerces da saída a crise; a favor dos poderosos e contra os asalariados e dentro dos mesmos contra da clase obreira.

Non haberá saída socialdemócrata á crise, xa que a xénese da mesma non é unha queda da demanda senón a queda da taxa de ganancia, xerada polas contradicións internas do propio capitalismo. Os grandes emporios económicos non o ían permitir. O que necesitan é un maior exército de reserva, os traballadores atados de pes e mans, polo que con toda seguridade nos atopamos en portas doutra nova reforma laboral

Que ninguén espere que o capitalismo se derrube a pesares das crises cíclicas que padeza por graves e fondas que sexan; aínda que non tivera tan bos garantes como PSOE e PP, no estado español, a Unión Europea, e como recurso final ó xendarme estadounidense, se os sectores populares non se organizan e empurran, o edificio do capital, aínda con crise no sector do ladrillo, non cae.

Unhas consideracións finais; estes días púxose en marcha dende os medios de comunicación unha operación de adormecemento dos pobos do estado; a calquera hora do día o PP e o seu próximo congreso, ocupa todos os espazos. Aínda que o voten moitos asalariados é un partido conservador, representante dun sector da oligarquía española que ten amosado o longo dos anos ser un inimigo declarado dos traballadores, polo tanto pouco nos debe interesar o que lle aconteza, e canto peor lle resulten as cousas, mellor para a grande maioría do pobo español. Pola contra o partido do goberno ten próximo o seu congreso, para xullo; escoitei que xa aprobaron a ponéncia política, ¿vímola en algún medio sendo como é o principal responsable das medidas en relación á delicada situación económica na que nos atopamos? ¿Ou non van discutir sobre a situación económica?. Iso si que nos interesa ós asalariados e hai un sospeitoso manto de silencio sobre o tema nos medios.

O mesmo acontece co declive político e a desaparición institucional da esquerda no estado; non é un feito anecdótico, a grande maioría dos cidadás estamos obxectivamente interesados na información do que pasa na actualidade nos diferentes sectores da esquerda, na perspectiva da súa reconstrución, pero ós propietarios dos medios non o ven do mesmo xeito e tamén o silencio é absoluto. Os poderes fácticos fan todo o posible para que a idea da necesidade da existencia dunha esquerda forte, alternativa ó sistema capitalista, explotador da humanidade, despilfarrador de recursos, non se espalle entre quen máis necesita da existencia da mesma.

En Galiza no mes de maio de 2008

[Voltar ao inicio desta nova]