DE 2008 A 1947: A REGRESIÓN ÁS 65 HORAS, OU COMO TRABALLAR DE SOL A SOL

[GZnación]

A xornada laboral, por definición, é o tempo que cada traballador dedica a exercer unha tarefa para a cal foi contratado. Esta cóntase en número de horas e, segundo o contrato que nos vincule a unha empresa, sociedade... incluirá as horas traballadas diaria, mensual ou globalmente se falamos dun contrato por obra. Vintecatro horas ten o día e vintecatro eran, porén, o tope máximo de tempo para os terratenentes, propietarios, señores, etc. para dispor dos seus traballadores ou escravos antes de que o asociacionismo derivou en reivindicación e se articulou un regulamento para limitar o número de horas da xornada laboral.

Asistimos con sorpresa e desacougo, estes días, a unha decisión adoptada pola Unión Europea sobre a posibilidade de aumentar a 65 as horas traballadas semanalmente por un traballador. Posibilidade que, tranquilizan, será optativa pero que vai atomizar aínda máis as relacións entre traballadores facendo máis complexo o asociacionismo e elevando ao grao laboral o individualismo da sociedade.

A decisión, adoptada nunha reunión dos ministros de Traballo dos 27, consegue así unha vella petición do Partido Traballista inglés e das economías máis neoliberais do vello continente. Para a ministra eslovena neste área e presidenta esta quenda do Consello, Marjeta Cotman, o acordo alcanzado "ofrece protección para os traballadores e flexibilidade na ordenación do tempo de traballo".

A destacar a obviedade: 65 horas semanais entre seis días -os traballistas deixan que non traballemos o domingo de misa- resulta unha xornada de traballo de case 11 horas ao día. A onde nos leva este dato? Pois, alén do cansanzo, á hemeroteca.

Primeira regulación do horario laboral

A primeira regulación oficial que abarcou unicamente a duración da xornada laboral foi na Conferencia Xeral da Organización Internacional do Traballo no ano 1919. A sede foi Washington, o 29 de outubro, e foi convocada polo propio goberno norteamericano. Rematou a Primeira Guerra Mundial, a Revolución Bolxevique, tivemos unha revolta obreira en Barcelona... e acordaron que traballar era cousa de 8 horas diarias, á razón de 48 horas por semana. Isto é, oito horas ao día de luns a sábado ambos os dous incluídos.

Neste momento, precisamos volver atrás. Imos a mediados do século XIX e estamos en plena efervescencia da Revolución Industrial, unha época que devora man de obra e que precisa incluso de botar man de nenos e vellos para satisfacer as ansias da nova produción capitalista. Nas fábricas de tecido inglesas, as xornadas laborais oscilaban entre as 12 e as 17 horas diarias. Non había ningunha lexislación nin sindicato algún. No traballo, inseguridade, insalubridade, baixas remuneracións.

Houbo loitas obreiras, tamén en Inglaterra, no século XVIII. No ano 1789, por exemplo, e mentres a multitude embriagaba Francia, houbo as primeiras folgas e manifestacións, todas enormemente reprimidas polo Estado. A máis famosa, a protesta de Saint Peters Field, en Manchester, coñecida como a 'matanza de Peterloo', na que morreron 11 persoas esmagadas polos cabalos da Corte. As xornadas de traballo, máis de 13 horas ao día.

Primeiras modificacións laborais

Das trece horas imos pasar, non ao 2008, senón ao 1833, onde se produciu unha das pequenas modificacións na xornada laboral. Neste ano, establécese por un decreto da Corte no mesmo país que os menores de 9 a 13 anos, parte da poboación activa, só poden traballar 8 horas ao día, polas 12 horas do resto da poboación.

En 1850 en Inglaterra e parcialmente en USA queda disposta a xornada de 10 horas para todos os obreiros. É neste último país onde o reclamo xeneralizado para que se limite a xornada de traballo a oito horas diarias ten máis forza, a tal punto que para lograr o obxectivo sistematicamente organizábanse folgas e manifestacións. Durante o desenvolvemento dunha delas realizada na cidade de Chicago o primeiro de maio de 1866 prodúcese unha represión durísima e sanguenta. Esa data conmemórase anualmente como o “Día Internacional do Traballo”.

Oito horas, a primeira vez

A limitación da xornada de traballo foi debatida nas conferencias internacionais realizadas polos gobernos das principais potencias europeas en 1890 en Berlín e Berna en 1905, 1906 e 1913. Calquera decisión adoptada nestes encontros ía ser ignorada co comezo da Primeira Guerra Mundial, que demandou -ou permitiu- unha enorme explotación obreira sobre todo na industria da guerra.

Despois do acordo de Washington, ao que facíamos referencia máis arriba, atopamos outro antecedente importante no Tratado de Versalles, asinado o 28 de xuño de 1919 no Salón dos Espellos do Palacio de Versalles. Neste tratado estableceuse no Art. 427 que "...o traballo non debe ser considerado simplemente como un artigo de comercio...sendo de importancia particular e urxente a adopción dunha xornada de oito horas ou da semana de corenta e oito horas como fin a obter, onde non sexa obtido..."

65 horas

Onde fica a historia, e o conseguido pola clase obreira? O PSOE, que ostenta o goberno español e que participou neste reunión da Unión Europea, votou con 'abstención' e clamando por un “retroceso dos dereitos dos traballadores”. A normativa, agora, deberá pasar polo Parlamento Lexislativo, que deberá aprobala con maioría cualificada para que saia adiante a posibilidade de volver, como dicimos, ao tan pasado 1847.

................................................................................................

Traballar de Sol a Sol

Silvia Bermúdez*

O luns 9 de maio o Consello da UE, a Europa das liberdades, os dereitos sociais e do benestar (falacias), aprobaba despois de catro anos de negociacións, unha Directiva de Tempo de Traballo que (entre outras lindezas) amplía a xornada laboral a 65 horas semanais! Coa covarde abstención, por certo, do Estado español.

“Na historia da produción capitalista, a regulamentación da xornada laboral revélase como unha loita que se libra ao redor dos límites da xornada; loita librada entre o capitalista universal, é dicir, a clase capitalista, dun lado, e do outro, o obreiro universal, é dicir, a clase obreira” Karl Marx [O Capital, Tomo I, 1867]

No ano 1884 o Congreso da Federación dos Sindicatos Organizados dos EEUU e Canadá adoptou a importante resolución de exixir a xornada laboral de 8 horas, pondo como data da súa entrada en vigor o 1º de maio de 1886.

Sucederíanse numerosas folgas, estímase que máis de cinco mil, e mobilizacións, co tráxico resultado de ducias de traballadores e traballadoras mortas baixo os disparos indiscriminados da policía. A represión pretendía atemorizar o proletariado aos seus líderes.

O 11 de novembro de 1887, os líderes obreiros Parson, Spies, Fischer e máis Engel foron executados polo único delito de dirixir, nos EEUU, a loita obreira pola xornada laboral de 8 horas. O seu compañeiro Lingg xa morrera no cárcere en escuras circunstancias e Fielden e Schwab foran condenados a cadea perpetua.

Antes da súa execución, Engel sinalou: “en que consiste o meu crime? En que traballei polo estabelecemento dun sistema social onde sexa imposíbel que mentres uns amorean millóns outros caian na degradación e na miseria? Así como a auga e mais o ar son libres para todos, así a terra e as invencións dos homes de ciencia deben ser empregadas en beneficio de todos. As vosas leis están en oposición coas da natureza e mediante elas roubades ás masas o dereito á vida, á liberdade e ao benestar”.

Finalmente, o 1º Congreso da II Internacional (xullo, 1889) declarou o 1º de maio como Día da Solidariedade Internacional das/os Traballadoras/es, mediante a seguinte resolución: “unha grande manifestación internacional debe organizarse para ter lugar nunha mesma data (…) e demandar simultaneamente ás autoridades limitar a xornada laboral a 8 horas”.

O luns 9 de maio o Consello da UE, a Europa das liberdades, os dereitos sociais e do benestar (falacias), aprobaba despois de catro anos de negociacións, unha Directiva de Tempo de Traballo que (entre outras lindezas) amplía a xornada laboral a 65 horas semanais! Coa covarde abstención, por certo, do Estado español.

Si, si, por moito que digan os medios de propaganda (que non de información) e o Sr. Corbacho, o Estado español non votou en contra da citada directiva. Moita palabrería barata para quedar ben de cara á galería, mais o feito foi a súa abstención na votación.

E para que non teñamos demasiado tempo libre, mediante convenio colectivo ou pacto entre sindicatos e patronal poderase incluso superar ese límite máximo. Ademais, a norma indica que o período de cómputo son os tres meses, o que significa que se podería chegar a unha xornada máxima de 78 horas semanais!

Por certo, os contratos de menos de 10 semanas de duración non terán limitación ningunha na xornada de traballo.

A nosa responsabilidade histórica e de clase obríganos a loitar contra esta brutal regresión. Se o capital quere a guerra terá guerra. Non permitiremos que se nos usurpen os nosos dereitos, conqueridos co sacrificio de persoas que unicamente loitaban polo que era de seu.

...........................................................................................................................

* Silvia Bermúdez Pérez é nada en Vigo, no 1979, licenciada en Dereito (rama económico-empresarial). Tivo un papel destacado no movemento estudantil participando dos CAF e formando parte dos órganos de goberno da Universidade de Vigo. Foi concelleira do BNG no último tramo da lexislatura 2003-2007. Milita na CIG dende o ano 2002, tendo un intenso e activo labor no seo da CIG-Mocidade.
Na rede, mantén o blog persoal Galiza_subversiva.

[Voltar ao inicio desta nova]