Mentiría se digo que foi a simple e pura curiosidade a que me fixo volver os pasos sobre algúns dos protagonistas de Maio do 68. Nun de meus frecuentes viaxes a Alemaña durante a década pasada, fun levado á Rathaus (concello) de Frankfurt do Meno, onde o meu guía, facendo un alto na explicación sobre as características da cidade, sinalou a un home enfundado nun impecabel sobre todo gris que á entrada da edificación era saudado cálidamente por un grupo de banqueiros: “Ese é Daniel Cohn-Bendit”. A súa presenza alí explicábase polo cargo que ocupaba naquel inverno de 1995: adxunto do Alcalde da cidade. Á sazón xa fora escollido eurodeputado polo Partido dos Verdes.
De Dany "o roxo", ou "vermello", un dos principais animadores da revolta estudiantil da primavera de 1968 que tivo o seu epicentro en París e se estendeu para outros lugares, apenas ficaba ren naquela figura. No 1986, un libro seu deu un rudo portazo aos que pensaron algunha vez no espírito levantisco e contestatario deste político que comezou militando nas filas do anarquismo: "A Revolución e nós que a quixemos tanto" (1986). Alí, con toda desenvoltura, escribiu: "Despois de Praga, despois de Santiago, despois dos caravéis murchos de Portugal, despois dos afogados do mar de China, despois de Camboia e o horror do terrorismo, despois de tantos sufrimentos, tantos fracasos, tantas decepcións, a revolución perdeu a un dos seus fieis. Hoxe en día, a idea mesma de revolución desertou da imaxinación dos nosos contemporáneos. Tivemos que someternos ao formalismo democrático”.
Esa tristeira confesión non naceu dun momento de debilidade, senón responde substancialmente á ideoloxía oportunista do seu portador. Agora mesmo, en medio da conmemoración dos 40 anos do movemento, o político profesional -tan profesional como pode selo un broker na Bolsa ou unha estrella futbolística -declarou á axencia Europress: “Teriamos que acabar coas comparanzas de fai 40 anos. O 68 xa pasou, fini, passé. Foi xenial para os que o viviron, pero agora xa pasou. Temos outro mundo, outra sociedade. O 68 cambiou o mundo, pero agora hai que se enfrontar ao mundo actual e non volver a vista sempre atrás”.
O seu caso, a todas loces, non é único. O articulista Andrés Pérez, no xornal español Público, lémbranos como “Maio do 68 foi unha excelente rampla de lanzamento, non só para carreiras profesionais, senón tamén incluso para marcas comerciais: o xornal económico Lles Echos publicou recentemente unha completa reportaxe sobre as marcas e empresas que naceron das cinzas da revolución fracasada: a axencia de viaxes Jet Tours, o deterxente Ariel, o café Jacques Vabre, o queixo camembert Président e as firmas de moda Calvin Klein e Sonia Rykiel son algunhas das firmas fundadas por “sesentayocheros”.
Semella que seguen tendo sentido aqueles versos memorabeis de Bertolt Brecht: "Hai homes que loitan un día e son bos, outros loitan un ano e son mellores, hai quen loita moitos anos e son moi bos, pero están os que loitan toda a vida, e eses son os imprescindibeis”. Coa salvedade de que algúns nin sequera gardan memoria da loita do primeiro día. [Voltar ao inicio desta nova]