Fonte: Granma e Cuba Socialista [02/02/2008]
Na imaxe, parte do manuscrito dese texto fundamental
No 2008 únense dúas festividades, e as dúas posúen transcendencia universal: os 160 anos do Manifesto do Partido Comunista, redactado por Marx e Engels, e o ano 50 da Revolución, na que vive a plenitude, nascida da prédica de Martí e baixo a influencia do marxismo-leninismo. Fundir e aplicar con orixinal sentido creador ambas doutrinas é a máis elevada contribución de Fidel e do Partido e o Estado socialista por el fundados ao acervo teórico do movemento revolucionario mundial.
Díxoo Che Guevara: A Revolución Cubana toma a Marx onde este deixara a ciencia para empuñar o seu fusil revolucionario...
Agora, co sentido dialéctico que agromou na consciencia social do povo de Cuba a partir do asalto ao cuartel Moncada, a fidelidade ao Manifesto e a Martí consiste en empuñar a ciencia, sen deixar de manter en alto o fusil revolucionario, dada a hostilidade demencial do noso inimigo histórico.
Non se trata soamente do desenvolvemento ininterrompido de sectores fundamentais do quefacer científico, con logros sinxelamente inimaxinabeis, baixo o dominio brutal e grotesco do imperialismo e a súa oligarquía crioula antinacional; senón de conseguir valoracións que partan da ciencia en todas as actividades da construción do socialismo de Cuba. Isto tradúcese no Capital Humano, que une o enfoque científico coa paixón revolucionaria. E a iso apela o discurso de Raúl o 26 de Xullo, que millóns de cubanas e cubanos fixeron seu, opinando coa máis absoluta liberdade sobre todos os nosos complexos e difíceis problemas, para libremente tamén colleitar este ano novos modestos triunfos, pese ao bloqueo xenocida que despreza a condea practicamente unánime dos Estados que pertencen á ONU, incluíndo aliados estratéxicos de Estados Unidos. Non houbo nin haberá solucións máxicas, pero os feitos demostran que elas poden gradualmente lograrse, e xa temos motivos para o optimismo realista dos combatentes.
Para Martí a ciencia e a liberdade son as chaves mestras que abriron as portas por onde entran os homes a torrentes, namorados do mundo vindeiro. O mesmo pensaban os clásicos do proletariado.
O Manifesto é a máis formidable acta de acusación contra o capitalismo, porque demostra que fixo pola ciencia moito máis que o escravismo e o feudalismo, pero matando despiadadamente a mesma liberdade proclamada para enganar ao pobo. Aos traballadores só deixou a liberdade de ser escravos disfrazados e agora nen sequer iso: existen máis desempregados que empregados en labores produtivas no conxunto do mundo baixo o xugo do capital.
A idea esencial do Manifesto de que o motor da historia é a loita de clases e que nela triunfarán os traballadores, historicamente confírmase, mais superando a noción, entón exacta, acerca do proletariado, pois trátase agora da loita de pobos e nacións completas contra o saqueo e a opresión do imperialismo, momento culminante da tiranía do capital.
Se xa non rexe a tese do Manifesto acerca da simplificación da estrutura socioclasista a medida que transcorre o capitalismo, todo verifica a súa tese principal de que esa estrutura está condenada a ir de crise en crise. Sen que elas, de por si, poidan abolir a ditadura dos donos do capital, sendo necesario facer a Revolución, a toma do poder político por xenuínos representantes do povo para cambiar a estrutura económica na base do edificio social e dar benestar aos produtores. É un proceso longo e suxeito a contradicións e reveses a enfrontar.
En tempos do Manifesto, os Mestres da clase obreira concebían que en Europa, a rexión entón máis adiantada na economía e as loitas clasistas, triunfaría de forma simultánea a Revolución e ela estenderíase ao mundo periférico entón non capitalista. Mais nen as guerras anticoloniales de independencia nas dúas Américas, nin os procesos revolucionarios europeus de 1848 e nin sequera a Comuna de París de 1871, abriron ese camiño. Iso correspondeu a Rusia, en 1917, cando a Primeira Guerra Mundial lanzou á política a millóns de labregos, á cuxa fronte se puxeron os operários industriais encabezados polo Partido de Lenin, coas súas consignas de paz, pan e terra. Cinco anos despois naceu a Unión Soviética, que logo de resistir probas como a guerra civil, a intervención de 14 países estranxeiros e a descomunal agresión fascista, foi derrotada, desde dentro, por erros, inxenuidades e traizóns, ao cabo de sete decenios de existencia como primeira experiencia do socialismo e logros indiscutibeis. Semellou que as ideas do Manifesto Comunista morreran, mais o socialismo, dentro de súas particularidades, mantívose en varios países asiáticos e, para asombro do mundo, en Cuba, primeira trincheira na loita contra o imperio que antes que ninguén denunciou Bolívar e definiu Martí como unha nova Roma, en alusión ao seu poderío, os seus afáns de dominación universal e tamén á súa debilidade histórica.
En proba desa afirmación aparece como o novo a dicir no aniversario 160 do Manifesto que, en determinados casos, o fusil revolucionario pode ser substituído polo voto revolucionario, aínda que cada poder do povo deba defenderse das agresións dos grupos explotadores gañados polo odio diante dos torrentes de homes namorados do mundo vindeiro, como os que conspiran contra a vontade popular na Venezuela de Bolívar, a Bolivia de Tupac Catari, o Ecuador de Eloy Alfaro e Manuelita Sáenz, a Nicaragua de Sandino, e outros procesos de cambios e de unidade das nosas Patrias, os cales alentan o optimismo de todos os pobos do planeta.
As crises integrais, económica, ecolóxica, de gobernabilidade e, sobre todo, moral, confirman que as estreitas relacións sociais, coa propiedade burguesa dominando o mercado e convertendo todo en mercaduría, deven camisa de forza que afoga o desenvolvemento social e científico. O dilema de: socialismo ou ninguén, é cada vez máis real, pois o capital devora as fontes de enerxía en aras do consumismo burgués, única ideoloxía do seu sistema de dominación, e multiplica as guerras de agresión na era nuclear. Bush anunciou 60 ou máis guerras preventivas, e en Afganistán, Iraq, todo o Medio Oriente, fai o comercio de petróleo por sangue, mentres ameaza a outros moitos países, entre eles Cuba, Venezuela e cantos se atrevan a erguerse en liberdade.
Puido ter aparecido no Manifesto este pensamento de Martí: Saber rebelarse é unha ciencia.
O Manifesto fundamenta esa ciencia na época contemporánea e por iso alentou a creación do Partido internacional dos traballadores, que logo pasou a destacamentos nacionais. Lenin viu no Partido a vanguarda desa ciencia, e antes ca el, para a guerra necesaria á conquista da independencia nacional, Martí criou o Partido único dos revolucionarios cubanos.
O noso Partido, con Fidel e Raúl e as novas xeracións que os continúan, en medio de novas circunstancias, revive aquela primeira clarinada da consciencia rebelde dos pobos: o Manifesto do Partido Comunista. A súa consigna inmortal de: Proletarios de todos os países, ¡uníos!, deven chamado á unidade de todos os que ansían salvar a especie humana e criar un mundo mellor. É digno do espírito do Manifesto a advertencia do Comandante en Xefe aos señores imperialistas: A Cuba, non a teran xamais! [Voltar ao inicio desta nova]