"O 14 de marzo de 1883, ás 2 e 45 da tarde, deixou de pensar o máis grande pensador dos nosos días. Apenas o deixamos dous minutos só, e cando voltamos, atopámolo durmido suavemente nunha cadeira, mais para sempre.
"É de todo punto imposibel calcular o que o proletariado militante de Europa e América e a ciencia histórica perderon con este home. Moi axiña se deixará sentir o baleiro que abriu a morte desta figura xigantesca.
O Marx que, segundo os voceiros da burguesia, era o home máis odiado e calumniado do seu tempo” morreu venerado, querido, chorado por millóns de obreiros da causa revolucionaria, como el, diseminado por toda Europa e América, desde as minas de Liberia até California. E podo atreverme a dicir que se puido ter moitos adversarios, apenas tivo un só inimigo persoal. O seu nome vivirá a través dos séculos, e con el toda a súa obra."
(Palabras de Federico Engels no dia da morte de Carlos Marx)
.................................................................................................................
A súa obra segue viva.
Coñecer mellor a este grande pensador revolucionario
Karl Marx (Tréveris, Prusia, 5 de maio de 1818 – Londres, 14 de marzo de 1883) foi un filósofo, historiador, sociólogo, economista, escritor e pensador socialista alemán. Pai teórico do socialismo científico e do comunismo, xunto a Friedrich Engels, é considerado unha figura histórica clave para entender a sociedade e a política.
Biografía
Karl Marx foi o terceiro de sete fillos dunha familia de clase media. O seu pai, Herschel Mordechai (logo Heinrich) Marx, exercía a avogacía en Tréveris, a súa cidade natal. Era ademais conselleiro de xustiza, con todo recibiu fortes presións políticas, por parte das autoridades prusianas que lle prohibiron continuar coas súas prácticas legais de acordo á súa relixión e obrigáronlle a abrazar o Protestantismo para poder manter o cargo na administración de Renania. A súa nai foi Henrietta Pressburg, nacida en Holanda, os seus irmáns foron Sophie, Hermann, Henriette, Louise, Emilie e Caroline.
Realizou os seus estudos de Dereito na Universidade de Bonn mais deixounos para estudar filosofía en Berlín. Doctorouse en 1841 en Jena cunha tese titulada Diferenza entre a filosofía da natureza de Demócrito e a de Epicuro. Implicouse axiña na elaboración de traballos ao redor da realidade social, colaborando en 1842 xunto con Bruno Bauer na edición da Gaceta Renana (Rheinische Zeitung), publicación da que pronto chegou a ser redactor xefe. Durante este período tamén frecuentou o faladoiro filosófico dos Libres (Die Freien). A publicación finalmente sería intervida pola censura, e posteriormente, Marx tivo que se ir ao exilio.
O período de París
Xunto a Roxe funda en París a revista Anais franco-alemáns (Deutsch-französische Jahrbücher), da que foi director, aínda que durante pouco tempo xa que o goberno francés pechouna por presións do goberno prusiano. En 1844, en París, Marx coñece e fai amizade con Friedrich Engels, que se converterá no seu principal colaborador e ademais ofreceralle en múltiples ocasións apoio económico debido á penuria económica á que se ve sometida a súa familia dada a eventualidade dos seus ingresos. Tamén coñecerá en Francia a outros importantes pensadores socialistas da época tales como Pierre-Joseph Proudhon, Louis Blanc e Mijaíl Bakunin e ao poeta alemán Heinrich Heine. Escribiu as súas reflexións teóricas desa época nunha serie de cadernos de traballo que póstumamente foron publicados como os Manuscritos económicos e filosóficos. Por outra banda, o peso político dos seus artigos xornalísticos fíxolle gañar fama de revolucionario, o que provocou a súa expulsión de Francia.
O período de Bruxelas e do Manifesto
Estabelecido en Bruxelas, funda a Liga dos Comunistas, tras do cal declárase apátrida, ateo e revolucionario. Apois o período revolucionario de 1848 e a publicación do Manifesto do Partido Comunista, en coautoría con Engels, vaise a Colonia, onde organiza un novo diario, "Nova Gaceta Renana" (Neue Rheinische Zeitung). A súa nova publicación acada un éxito inmediato, no contexto dunha época de forte sentimento social e compromiso revolucionario. En consecuencia, é prohibido polo goberno renano.
O período de Londres e O Capital
É agora cando Marx se dedica á escritura dunha das súas obras fundamentais, O Capital, que elabora nas salas de lectura do Museo Británico. O primeiro volume do Capital non verá a luz ata 1867, tras dezaoito anos de traballo.
Ademais, Marx participou na fundación e organización da Primeira Internacional (28 de setembro de 1864), coñecida como a Asociación Internacional de Traballadores (AIT), participando activamente nas discusións. A el encárgaselle a redacción do Chamamento inaugural da Internacional e participa na elaboración do seu estatuto e outros documentos. Estableceráse a partir dos debates un enfrontamento entre Marx e Bakunin, que rematará coa expulsión deste último no Congreso da Haia de 1872 e a saída da Internacional das seccións bakunistas. Estes últimos, reunidos no Congreso de Saint-Imier (Suíza), non recoñecerían os acordos da Haia e refundarían a Internacional.
Apois da derrota da Comuna de París de 1871, que significou un duro golpe para a Internacional, Marx retirouse da loita política e adicouse á escritura do seu pensamento. O 14 de marzo de 1883 faleceu en Londres.
Marx tivo unha vida persoal dedicada de forma exhaustiva ao estudo das diferentes disciplinas do pensamento e en especial da filosofía e historia o que implicou que nunca tivese estabilidade económica; con todo, contou sempre co apoio fiel e incondicional do seu amigo Engels.
Testemuña e vítima da primeira grande crise do capitalismo (década de 1830 do século XIX) e das revolucións de 1848, Marx propúxose desenvolver unha teoría económica capaz de achegar explicacións á crise, mais á vez de interpelar ao proletariado a participar nela activamente para producir unha mudanza revolucionaria.
A vasta obra de Marx foi lida de distintas formas. Nela inclúense obras de teoría e crítica económica, polémicas filosóficas, manifestos de organizacións políticas, cadernos de traballo e artigos xornalísticos sobre a actualidade do século XIX. Moitas das súas obras escribiunas xunto con Engels. Os principais temas sobre os que traballou Marx foron a crítica filosófica, a crítica política e a crítica da economía política.
Algúns autores pretenderon integrar a obra de Marx e Engels nun sistema filosófico, o marxismo, articulado ao redor dun método filosófico chamado materialismo dialéctico. Os principios da análise marxista da realidade tamén foron sistematizados no chamado materialismo histórico e a economía marxista. Do materialismo histórico, que sitúa a loita de clases no centro da análise, servíronse numerosos científicos sociais do século XX: historiadores, sociólogos, antropólogos, teóricos da arte, etc. Tamén foi moi influinte a súa teoría da alienación.
Outros autores, entre os que destaca Louis Althusser, argumentan que os escritos de Marx non forman un todo coherente, senón que o propio autor, ao desenvolver as súas reflexións críticas sobre a economía política durante a década de 1850, desembarazouse da súa propia conciencia filosófica anterior e comezou a traballar cientificamente. Desde esta perspectiva non existiría unha ciencia marxista, senón un científico, Karl Marx, que foi un pioneiro na comprensión dos mecanismos fundamentais que rexen o funcionamento da sociedade moderna, en especial coa súa reelaboración da teoría do valor, e cuxa obra cimeira foi O Capital.
As obras de Marx inspiraron a numerosas organizacións políticas comprometidas en superar o capitalismo. Por unha banda, habería que sinalar a interpretación que realizaron leninistas, partidarios de que unha vangarda do proletariado se faga co poder, para así avanzar cara ao socialismo.
Pola outra, a de outros teóricos que tamén se reclaman “marxistas”, como os do “comunismo consellista” que son partidarios da toma do poder por parte da clase obreira autoorganizada e non por parte dun partido.
Ideas filosóficas
Durante a súa mocidade, e tras a súa formación en filosofía, Marx recibiu a influencia do filósofo alemán predominante en Alemaña naquel tempo, Hegel. Deste autor tomou o método do pensamento dialéctico, ao que, segundo as súas propias palabras, poría sobre os seus pés; significando o paso do idealismo dialéctico do espírito como totalidade ao materialismo histórico.
Unha interpretación sobre o desenvolvemento da obra de Marx, ven do francés Louis Althusser, considera que os escritos de Marx divídense en dúas vertentes. Esta interpretación é relevante na exegética marxista, mais á vez é moi polémica e poucos autores mantéñena ao día de hoxe. Althusser atopa dúas etapas:
1 - Marx novo (ata 1845) período en que estuda a alienación (ou alleamento) e a ideoloxía, desde unha perspectiva próxima ao humanismo influída en gran parte pola filosofía de Ludwig Feuerbach.
Marx pergúntase e responde nos seus Manuscritos de 1844: "¿En que consiste, entón, o alleamento do traballo? Primeiramente en que o traballo é externo ao traballador, é dicir, non pertence ao seu ser; en que no seu traballo, o traballador non se afirma, senón que se nega; non sente feliz, senón desgraciado; non desenvolve unha libre enerxía física e espiritual, senón que mortifica o seu corpo e arruína o seu espírito. Por iso o traballador só sente en si fora do traballo, e no traballo fóra de si. Está no seu cando non traballa e cando traballa non está no seu. O seu traballo non é, así, voluntario, senón forzado, traballo forzado. Por iso non é a satisfacción dunha necesidade, senón soamente un medio para satisfacer as necesidades fora do traballo. O seu carácter estrano evidencíase claramente no feito de que axiña fuxa do traballo como da peste. O traballo externo, o traballo en que o home se enaxena, é un traballo de autosacrificio, de ascetismo. En último termo, para o traballador amósase a exterioridad do traballo en que este non é seu, senón doutro, que non lle pertence; en que cando está nel non se pertence a se mesmo, senón a outro. (...) Pertence a outro, é a perda de si mesmo."
Paralelamente a estas ideas describe ao home con diversas concepcións: considérao un ser real de carne e óso; é unicamente o resultado da historia económica, un predicado da produción da mesma.
Pensa que o home se realiza modificando a natureza para satisfacer as súas necesidades nun proceso dialéctico en que a transformación de axente e paciente é transformación mutua. A autogeneración do home é un proceso real, histórico – dialéctico, entendéndose a dialéctica como proceso e movemento a través da superación sintética das contradicións.
Cando Marx fala de 'realidade' fai referencia ao contexto histórico social e ao mundo do home. Asegura que o home é produto das súas relacións sociais.
Para Marx, o que o home é non pode determinarse a partir do espírito nin da idea senón a partir do home mesmo, do que este é concretamente, o home real, corpóreo, en pé sobre a terra firme. O home non é un ser abstracto, fóra do mundo senón que o home está no mundo, isto é o Estado e a sociedade.
A liberdade, a capacidade de actuar elixindo, está limitada ás determinacions históricas, mais é, ao mesmo tempo, o motor daquelas cando as relacións sociais e técnicas entran en crise.
Deus, a Filosofía e o Estado constitúen alienacions no pensamento, alienacions dependentes da alienación económica, considerada para Marx único alleamento real.
En liñas xerais, Marx defende a idea de que a alieñación empobrece ao home sociohistórico negándolle a posibilidade de modificar aspectos dos ámbitos nos que se ve involucrado, provocándolle unha consciencia falsa da súa realidade. Con todo, este é un feito que pode suprimirse.
Politicamente, o pensador alemán avoga por unha sociedade comunista. Entre o home alienado (aquel que non coincide consigo mesmo) e o home comunista (aquel que finalmente é igual a home) colócase o proceso transformador. Só na sociedade comunista desaparecería toda alienación.
2 - Marx maduro (1845-1875): Segundo Althusser, 1845, o ano da ideoloxía alemá e as Teses sobre Feuerbach, marca a ruptura epistemológica (concepto tomado de Gaston Bachelard). A partir da cal Marx rompe coa súa etapa anterior, ideolóxica e filosófica, e inaugura un período científico no cal desenvolve estudos económicos e históricos usando o método do materialismo histórico. Como diría Althusser, Marx inaugura o continente historia.
Este é, eminentemente, o período da súa magna obra: O capital. Crítica da economía política. Non hai que esquecer, doutra banda, os textos dos que esta obra xorde: a Contribución á crítica da economía política (que dará material para o primeiro capítulo do capital) ou os Grundrisse, cuxo tardío descubrimento deu moito que falar sobre as continuidades de Marx coa súa primeira etapa, e proporcionou de argumentos aos críticos da ruptura epistemológica. Durante a súa etapa de madurez, a obra de Marx vóltase máis sistemática e xorden os seus conceptos económicos máis destacados: a teoría do valor, a explotación como apropiación de plusvalía, ou a teoría explicativa sobre as crises capitalistas.
* Diferenza entre a filosofía da natureza de Demócrito e a de Epicuro (1841)
* A cuestión xudía (1843)
* A crítica da filosofía do dereito de Hegel (1844)
* Manuscritos económicos e filosóficos (1844, publicado póstumamente en 1932)
* Tese sobre Feuerbach (1845, publicado póstumamente)
* Traballo asalariado e capital (1845)
* A sacra familia (en colaboración con Engels, 1845)
* A ideoloxía alemá (en colaboración con Engels, 1845, publicado póstumamente)
* A miseria da filosofía (1847) (critica de Filosofía da miseria de Proudhon)
* Manifesto Comunista (en colaboración con Engels, 1848)
* Circular do Comité Central á Liga Comunista (en colaboración con Engels, 1850)
* As loitas de clases en Francia de 1848 a 1850 (Escrito entre xaneiro ao 1 de novembro de 1850)
* O dezaoito brumario de Luís Bonaparte (1851–1852)
* [Simón] Bolívar e Ponche ((1858))
* Contribución á crítica da economía política (1859)
* A tecnoloxía do capital: Subsunción formal e subsunción real do proceso de traballo ao proceso de valorización. (Extractos do manuscrito de 1861-1863) Karl Marx
* O capital (Dás Kapital) (1864–1877. Só o libro primeiro foi acabado por Marx)
* Estatutos Xerais da Asociación Internacional dos Traballadores (1864)
* Salario, prezo e ganancia (1865)
* A guerra civil en Francia (1870–1871)
* Das resolucións da Conferencia de Delegados da Asociación Internacional dos Traballadores (Londres, 23 de setembro de 1871) (en colaboración con Engels, 1871)
* Crítica ao Programa de Gotha (1875, publicado póstumamente)
Fontes: Wikipedia/Insurgente/Granma/La Jiribilla
[Voltar ao inicio desta nova]