Neste circo electoreiro hexemonizado polo PSOE e o PP, participa a totalidade das forzas da chamada esquerda "real" e os nacionalismos periféricos autonomistas; todos eles ben apoiados polos grandes grupos de comunicación que difunden gustosos a través da súa maquinaria un constante ir e vir de promesas, ocorrencias, "propostas" e xenialidades dos seus líderes, en controversia confusa de siglas e "valores democráticos", no que nestes dias son estrelas mediáticas unha chea de vividores dun sistema sostido na mentira e a conculcación de dereitos e liberdades do povo traballador.
Un sistema alicerzado na desigualdade e a inxustiza, históricamente inherentes ao designio da reacción e a dereita política, que hoxe proxecta a súa corrupción a todas as esferas da vida social, mesmo á conducta dos que teorizan querelo cambiar.
O escandaloso enriquecemento, autoritarismo, nepotismo, actuacións fraudulentas e "dobre moral" son tamén vergoñentamente practicadas por algunhas xentes da autocalificada esquerda e o "progresismo"que, mesmo, lle permite á dereita máis retrógrada utilizar un discurso recriminador de conductas que na realidade lle son propias.
Tristemente, como estamos a ver, neste contexto de consenso a favor do sistema, as cúpulas das forzas políticas de extracción nacional ou popular, de inequívoca tradición loitadora e de esquerdas fan "pactos" e coalicións con quen faga falta e subordinan a defensa coherente dos intereses políticos, sociais ou económicos dos traballadores ao posibilismo e ao pragmatismo institucional, onde o consenso por xestionar, defender e manter o tinglado semella ser o que importa para mellor perpetuarse na élite ou reforzarse nas institucións.
Consensos e intereses que xustifican ou lle dan soporte, a unha vaga represiva e fascistoide contra as nosas liberdades (as de todas e todos) tan duramente conquistadas mais, tamén, contra dereitos democráticos, sociais e individuais, que expresa por si mesma os límites e insuficiencias dun réxime de moi baixa calidade democrática.
Unha vaga represiva cada vez máis ampla que se orienta especialmente contra os dereitos políticos do povo basco e as súas organizacións políticas e populares mediante a aplicación dun verdadeiro réxime de excepción, coa ilegalización arbitraria de partidos, o encarceramento e persecución de persoas e o peche de xornais, tentando o exterminio do movemento de esquerda consecuente e patriótica moi importante da sociedade basca, á que sirve e representa democráticamente, sen que (e aquí non hai excepción) os que farisaicamente din rexeitar a conculcación das máis elementais liberdades civís retiren as súas candidaturas ou rexeiten esta vergoña.
É NECESARIA UNHA ESQUERDA CONSECUENTE AO SERVIZO DOS TRABALLADORES E DO POVO GALEGO
Para os que seguimos a defender os intereses dos traballadores e das capas máis humildes da sociedade faise difícil dar soporte a partidos ou coalicións que lexitiman coa súa deplorábel acción parlamentaria ou de goberno as políticas neoliberais, antisociais, represivas e de dereitas tan perxudiciais para o noso povo.
Hoxe é cada vez máis necesario o artellamento dunha esquerda de concepción ampla e transformadora, coherente e ligada coas necesidades cotiás da nosa clase traballadora e firmemente comprometida coa aspiración de plena e real soberanía do povo galego para se autogobernar. Un proxecto que elabore as súas propostas como producto da acción e o debate deses mesmos sectores populares e que antepoña a defensa dos nosos irrenunciábeis dereitos e liberdades individuais ou nacionais a un consenso político que mantén inalterabel a hexemonía e dominación do grande capital e a oligarquía española sobre o noso povo.
Imponse un novo xeito de facer política afirmado na democracia directa e na unidade popular, desde os valores dunha esquerda consecuente, nacional, anticapitalista, ilusionante e confrontada co sistema, con capacidade para enfrontar un aparello cada vez máis articulado, poderoso e feroz, asentado nunha infausta monarquía, negadora da nosa libre autodeterminación como povo.
Máis aos pesares dos repetidos esforzos, esta labor non está sendo fácil.
Agora mesmo non existe na Galiza unha organización, partido ou xérmolo de forza política suficientemente articulada que represente estas propostas e que as poida movilizar con forza, que represente coherentemente ás moitas persoas de esquerdas que o desexan e coinciden con estas aspiracións e que poida, para empezar, vencer o pesimismo de tantas frustracións que ten habido durante tantos anos por erguer este referente, que hai que dicilio tamén, chocan de fronte cos receios que sementa unha esquerda institucional cada vez máis acomodada e domesticada.
MANIFESTEMOS O NOSO DESACORDO E COMENCEMOS DESDE AGORA A CONSTRUIR ESA FORZA NECESARIA.
É por iso que as moitas persoas e colectivos populares e de esquerdas que coincidimos na loita social que se nutre da rebeldía do povo galego en tantas loitas temos que expresar de xeito moito máis amplo e decidido este rexeitamento contra estas formas tan alleas a nós de facer e entender a política, rexeitando de vez o caduco sistema que está na orixe da nosa opresión como povo e construir paralelamente, coa nosa unidade e loita cotiá, o necesario espazo ou instrumento aberto para a intervención de todas as mulleres e homes de firmes conviccións democráticas, patrióticas, republicanas e de esquerdas.
Sendo necesario un punto de referencia político de partida para todos/as os/as que queiran loitar por tal proxecto podemos, mesmo con ocasión destes comicios (por que non?) comenzar a proclamalo facendo valer a nosa lexítima independencia fronte aos que, impúdicamente chaman ao "voto útil e de progreso" mentres gradualmente, se esquecen dos seus compromisos noutrora contraídos na defensa da Nosa Terra e do noso povo traballador.
Neste contexto, dirixímonos sen complexos a todos os/as que se sinten frustrados e golpeados por tanta instrumentalización, mercadeo e hipocresía política, aos que son críticos, disconformes, rebeldes ou insubmisos.
Fronte a un réxime perverso que sostén un sistema electoral fraudulento, que conculca dereitos e limita e marxina aos traballadores e aos povos nas decisións sobre o seu propio futuro é posibel, para máis alén da confianza nos moi escasos e dignos candidatos da heterodoxia que se apresentan, máis unha outra forma de protesta consciente e activa que permita expresar de xeito contundente a nosa rebeldía, é dicir: o voto nulo, en branco, ou mesmo a abstención activa.
Nesta hora non é a nosa intención facer ninguna crítica ou xulgamento moral daqueles que aínda acreditan nos marcos desa esquerda institucional, daqueles que aínda aceitan certas "regras do xogo". Con moitos deles traballamos na defensa dos princípios que ainda compartimos. Mais nas circunstancias actuais, este pode ser tamén o noso contributo a vencer a frustración e mesmo a indiferencia de sectores conscientes e combativos do noso povo; o noso voto máis útil, democrático, desinteresado e responsabel para enfrontar dunha vez, tanto á dereita política como ás súas receitas.
Desde o PCPG seguiremos traballando pola unidade e fortalecemento dos nosos movementos sociais, plataformas e organismos unitarios nos que xa estamos, por riba de particulares encadramentos partidarios e máis alá de calendarios electorais que nos son impostos.
Pola Unidade Nacional-Popular entendida como unha fronte ampla, soberana, autodeterminista e de esquerdas, no social e no político, para avanzarmos organizados e confiados/as á conquista das verdadeiras e profundas trasformacións de xustiza e progreso que esixe a nosa dignidade como Nación e como Povo.
Galiza, 7 de Marzo de 2008.