O Estado: Garante do capitalismo
[Agustín Mariño-Iniciativa Comunista]
Se a recesión serve para limpar a economía, non terá máis importancia
P. Solbes, ministro de economía.
Con semellante descaro o ministro de economía español exercía a súa función como correa transmisora entre o estado e os intereses da ideoloxía dominante. Non é de estrañar que os representantes do estado traten de vender aos traballadores que os procesos de concentración de capital, a formación de monopolios e a continua crise do capitalismo é algo do máis normal, que non lles ten que preocupar, aceptando submisos e despreocupados o seu papel asignado polo vello mundo.
E efectivamente para a burguesía –única clase representada polo estado- non terá máis importancia, porque esa é a dinámica do capital, porque mentres as empresas menos preparadas se derruban, os grandes monopolios cómense os seus restos e son apoiadas polo estado fortalecéndose e facendo valer a súa hexemonía.
Sen embargo esta mesma realidade é moi diferente para os traballadores que se ven desprovistos das vantaxes ilusorias que o capitalismo prometera garantir. Talvez o ministro tería que engadir “os traballadores non deben preocuparse por nada, xa que nada é o que posúen” e é que a ficticia propiedade da vivenda non terá ningún valor cando a crise hipotecaría toque fondo e millóns de traballadores se vexan obrigádos a vender os seus fogares para afrontar o pagamento das súas débedas como ocorreu en EEUU (2007). E é que a “confianza”, ou o que é o mesmo, a submisión á explotación, a fe cega no capitalismo é o único combustibel que permite seguir andando á maquinaria capitalista contra os intereses obxectivos da historia.
Que pasará cando os bancos comecen a aplicar restricións á retirada de diñeiro aos traballadores debido á falta de liquidez? Como explicarán a xeneralizada suba de prezos dos bens de consumo? A quen atribuirán o continuo ascenso do número de parados? Canto tardarán en pedir abaratar os despedimentos como única medida para xerar emprego? Quen sairá a dar a noticia de que os fondos de garantía social dos traballadores non dan máis de si?
Non é de estranar que a España, xunto ao resto de países europeus e os EEUU interveñan as súas bolsas emprestando millóns de euros expropiados aos traballadores ás mesmas entidades financeiras que agora se ven afogadas pola súa propia desconfianza interna. Os que reaccionaron tarde, coma Rusia, tiveron que pechar os seus centros de especulación diante das incribeis quedas dos valores. Que trema a escaseza de alimentos, que chegou a escaseza de liquidez.
E é que os traballadores entraron nunha espiral diabólica. Co aumento da taxa de morosidade os bancos vóltanse máis remisos a prestar diñeiro, as grandes industrias vense desprovistas de préstamos ao non poder cumprir coas novas condicións e non son quen de contratar máis traballo. Milleiros de traballadores atópanse sen emprego e son incapaces de afrontar as súas débedas, o que pode facer cair ás entidades bancarias. A mensaxe é clara: Diante do derrubamento de traballadores e financeiras, o Estado ten que salvar ás financeiras.
Orixe da crise financeira:
A orixe da actual crise financeira podémola situar nos anos dominados por uns tipos de interese bajísimos como fórmula máxica do capitalismo para garantir o seu crecemento “ilimitado”. Malia que a propaganda ideolóxica rezase o contrario, os capitalistas de todo o mundo decataranse do seu erro, e de maneira planificada coordinaron unha lenta e progresiva suba dos tipos de interese para tratar de frear a dinámica de endebedamento xerada ao tempo que incidían en políticas belicistas e de expansión de mercados.
Non entanto a caótica expansión capitalista é incontrolabel e fronte a súas “medidas de choque” atopabase todo un armazón do que se chamou “hipotecas de alto risco” que a través dun sistema de compra-venda de débedas, diluía esta no máis profundo do sistema financeiro.
Unha vez diagnosticada a doenza o goberno dos EEUU aproba no 2007 a primeira axuda económica tras anos sen intervención estatal. Sen embargo a intervención é insuficiente e os capitalismos emerxentes, enriquecidos debido ao aumento dos prezos das materias primas e dos bens de consumo, acoden como aves de rapina a esnaquizar e repartirse as mellores pezas feridas de morte.
É entón cando o capital nacional ten que cambiar de estratexia e mobiliza toda a forza do estado para garantir a supervivencia do monopolio financeiro como protección do exterior. Aquí é onde entran todas as medidas que inundan os periódicos os últimos días co silencio cómplice dos que defenderon de maneira extremista o libre mercado, ou mellor dito, a libre explotación e o libre saqueo internacional.
Que nos ha ensinou a historia do papel do estado e da formación de monopolios?
O estado xorde como escenificación dos intereses contrapostos de clase. Garante da propiedade privada, a súa función é a de impoñer os criterios da clase dominante á clase dominada. É xa que logo que o estado desde o seu nacemento é a maior ferramenta de control e represión da burguesía para os traballadores permitindo manter a explotación a través da coacción ideolóxica e física a calquera nivel desde que sexa necesario.
É xa que logo, que xa desde tempos antediluvianos, para abrir calquera ruta comercial, primeiro marchaban as tropas militares e logo as civís. O papel do estado capitalista cambiou pouco. Os soldados británicos abríanse paso en África por diante das vías do ferrocarril ao igual que hoxe fano en Iraq ou Afganistán os soldados norteamericanos e europeus, a única diferenza é que xa non teñen o mal gusto de nomear a Iraq como Rodesia. Que Haití non poida facer fronte ás súas débedas non é un gran problema desde o punto de vista da coacción militar, que non o fagan os EEUU, Rusia ou as potencias europeas xa aconteceu na Alemaña de 1932.
O estado “nacional” defende os intereses da súa burguesía “nacional” que aspira nada máis e nada menos que á súa supremacía total como clase hexemónica. Non é de estranar polo tanto que todo desembocase no xurdimento do imperialismo declarando ao colonialismo como obsoleto. A cada vez máis estreita colaboración entre a burguesía nacional e o estado imperialista deu lugar ao desenvolvemento do capital financeiro e á formación de novos monopolios hexemónicos xerando unha simbiose aínda maior co estado até que un e outro se fan practicamente indistinguibeis dando lugar á cara máis terribel do capitalismo: O fascismo.
Hai que salientar o importantísimo papel dos chamados partidos socialdemócratas para xestionar os procesos de confrontación monopolística e upando ao fascismo ao poder. Un grande revolucionario definiu á socialdemocracia como “a facción moderada do fascismo” e os feitos déronlle la razón cando en 1932 e en adiante a socialdemocracia alemá dispuxo alfombra vermella á chegada de Hitler ao poder.
A historia demostrounos tres importantes leccións:
A encomiabel labor ao servizo da burguesía do estado capitalista.
A inevitabel formación do capital financeiro monopolístico e a trasformación fascista do estado.
A tendencia invariable de favor á burguesía por parte da socialdemocracia.
Paralelismos actuais:
Semella que o cenario internacional non é nada prometedor se nos atemos ás ensinanzas da historia. Atopámonos nun proceso de concentración do capital financeiro., os estados capitalistas desenvolvidos pugnan cos estados capitalistas emerxentes xerándose unha serie de contradicións inter-imperialistas tentando de gañar posicións para a futura pelexa polo novo reparto da torta mundial.
Pola súa vez, as conquistas históricas dos traballadores foron arrincadas unha a unha, mentres que paralelamente se desenvolvía o aparello represivo máis impresionante da historia amparado por unha imposición ideolóxica do pensamento dominante. Como colofón, parece que os herdeiros da mesma internacional socialista que lle bateu palmas ao nazismo mentres encerraban aos comunistas, son os encargados de xestionar a barbarie capitalista a escala global.
O capitalismo é crise, a única solución: SOCIALISMO.
E é que o capitalismo tivo que ir sempre a remolque dos logros acadados polo socialismo. O “estado de benestar”, como concesión temporal á clase obreira, foi ideado para facer fronte ao benestar social e material garantido polos estados socialistas aos seus traballadores. Non é de estrañar que esas concesións vaian desmantelándose unha a unha segundo a burguesía garantía a súa dominación ideolóxica fronte ao socialismo.
É curioso como os economistas burgueses actuais din que a variable que máis pode “desequilibrar” a economía é a inflación. O que non din e calan estes pregoeiros do capitalismo é que o único sistema capaz de controlar a inflación demostrado pola humanidade foi o socialismo. Por suposto cando era unha evidencia para o mundo o control dos prezos e o progresivo ascenso de benestar material dos traballadores socialistas, o control da inflación non era importante para os economistas burgueses.
Outro dos seus marabillosos “antes e despois” o atopamos na cuestión do paro. Mentres que antes da caída do campo socialista o desemprego cero era “teoricamente alcanzabel” se se equilibraba a oferta e a demanda. A existencia de paro debíase a que os salarios eran moi altos segundo os capitalistas. De repente sacáronse da nada a figura do “desemprego friccional” e sorpresa! por cuestións inexplicabeis –ou mellor dito, ben explicadas por Carlos Marx- as economías contaban cun mínimo “tope” de parados que varía segundo gosto e goce do que lles conveña a estes aprendices de Goebbels. O que nunca dirán é que a humanidade tamén coñeceu estados de obreiros e campesiños onde o traballo convertera en dereito e responsabilidade, non só no “privilexio” de ser explotado fronte á miseria absoluta de nin sequera selo.
Se o caos capitalista está planificado para maximizar o maior benestar da minoría, só a harmonía do socialismo pode garantir o benestar obxectivo da maioría da poboación.
Hoxe máis que nunca, a tarefa dos traballadores non debe ser a de asistir impávidos a que a socialdemocracia regale todo o noso esforzo ás grandes empresas. Fronte á ofensiva capitalista existe o lexítimo dereito á defensa socialista, a recuperar o diñeiro dos expropiadores, a converter ao explotado en home libre e ao represor en reprimido.
Socialismo ou barbarie!, Venceremos! [Voltar ao inicio desta nova]