CAPITALISMO SEN FRONTEIRAS?

Tras a decapitación ideolóxica da clase obreira dos anos 90 a socialdemocracia europea trata de erixirse voceira dunha “nova esquerda” interclasista, eliminando por decreto a loita de clases e dotando ao capital dunha personalidade propia e allea á dialéctica.

Desta forma unha serie de intelectuais alleos completamente á realidade na que viven, tratan de resucitar a Kautsky e aos seus secuaces. Para eles despois da segunda gran guerra imperialista, o capitalismo atopou unha grande harmonía pola cal todos os capitalistas nacionais chegan a acordos e coordenacións actuando como unha estrutura superimperialista asoballando aos estados burgueses. Os cidadáns –lembremos que xa non existen as clases- deben reclamar saíndo á rúa coma cándidos cordeiriños que os seus estados estean ao servizo dos cidadáns e non das multinacionais. Benvidos ao capitalismo sen fronteiras.

Sen embargo a dura realidade sempre esmaga de maneira contundente a aqueles propagandistas idealistas que obxectivamente actúan como lumes artificiais da burguesía tratando de distraer ao proletario nos carreiros da historia que indubidablemente levaranlles á toma do poder político.

Non só coa guerra de Iraq ficou en evidencia que os intereses do capital son dispares e que cada estado burgués defenderá os intereses da súa burguesía. No mesmo estado español podemos ver como se traducen eses conflitos, primeiro coa guerra de adquisición de Endesa e agora coa de Repsol-YPF.

O goberno español falou claro: “Queremos que Repsol sexa independente e española” Pero non quedamos en que existe libre competencia, libre entrada e saída de capitais e por suposto que capital non ten patria?

Evidentemente a resposta é un claro e rotundo non. Repsol é un dos claros referentes do imperialismo español –lembremos a adquisición de Xacementos Petrolíferos Fiscais, antigua empresa pública argentina- e o estado burgués fará todo o posible por defender os intereses da burguesía española fronte aos intereses da burguesía rusa que trata de fortalecer o sector da explotación e produción enerxética fronte á crise. Dá igual que estean dispostos a pagar un prezo de adquisición moi superior ao chamado “prezo de mercado” que nada ten que ver co valor político que lle dá a burguesía. Cal é a suposta “independencia e españolidade” que defende o goberno español? Acaso os capitalistas españois defenden algo máis que os seus propios intereses? Exactamente igual que os capitalistas rusos que defenden os seus.

Coa crise capitalista estes conflitos saen cada vez máis á luz e deixan en evidencia á socialdemocracia reformista cuxo único interese é fortalecer o capitalismo e as ferramentas de explotación que se alimentan co sangue de traballadores de todo o mundo.

Hoxe como onte, as ensinanzas do mestre Lenin seguen completamente vixentes, ao igual que as tarefas dos comunistas. O imperialismo, como fase superior do capitalismo éterribelmente destrutivo e daniño para os traballadores de todo o mundo. Pronto virán a solucionar os seus problemas con outra guerra criminal, enfrontando uns povos contra outros. É xa que logo que é unha tarefa primordial o loitar contra o imperialismo e os seus lacaios, transformar os intereses nacional-chovinistas da burguesía e proclamar sen complexos un programa de unidade da clase en defensa dos intereses do proletariado.

A consecución de nacións libres e independentes pasa pola destrución dos intereses dos burgueses “independentes e españois”.

Fronte á guerra dos imperialistas. ¡¡Guerra de clases!! [Voltar ao inicio desta nova]